Camiño polo pacto galego contra a pobreza

O próximo 16 de outubro representantes dos tres partidos políticos con escanos no Parlamento galego asinarán o Pacto Galego contra a Pobreza, un documento que establece compromisos políticos firmes e duradeiros de loita contra a pobreza e en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Dende outubro de 2009, as organizacións aglutinadas na Coordinadora Galega de ONGD traballan para que en Galicia se asine este pacto. Tras meses de moito esforzo, a sinatura levarase a cabo a próxima semana, o 16 de outubro, no reitorado da USC, no Pazo de Fonseca.  

Como medida de presión aos/ás políticos, de visualización da firma, de concienciación e mobilización social; e para complementar todo o traballo de incidencia feito ata agora, dende a Coordinadora Galega de ONGD impulsamos a campaña "Camiño polo Pacto". Esta iniciativa consiste en percorrer 100 km do Camiño de Santiago en seis etapas, saíndo dende Sarria o próximo luns día 11 de outubro e chegando a Santiago (concretamente á Reitoría da USC) o sábado 16, ás 11:30 horas onde terá lugar o acto de firma.

A firma do Pacto Galego contra a Pobreza e a campaña "Camiño polo Pacto" será, sen dúbida, un dos acontecementos máis importantes da historia da cooperación galega. Por iso é fundamental que todas aquelas persoas comprometidas coa loita contra a pobreza canalicen a próxima semana os seus esforzos para participar activamente no desenvolvemento e difusión desta iniciativa. É fundamental, agora máis que nunca, nun contexto de recortes sociais e de diminución dos dereitos das persoas máis desfavorecidas.
 
ASÍ POIS: CANTAS MÁIS PERSOAS PARTICIPEMOS NO CAMIÑO POLO PACTO GALEGO CONTRA A POBREZA, MAIOR RELEVANCIA TERÁN AS NOSAS REIVINDICACIÓNS!!

O percorrido do camiño será o seguinte:

•    Luns, 11 de outubro: Sarria - Portomarín.

•    Martes, 12 de outubro: Portomarín - Palas de Rei

•    Mércores, 13 de outubro: Palas de Rei – Arzúa

•    Xoves, 14 de outubro: Arzúa - Pedrouzo (O Pino)

•    Venres, 15 de outubro: Pedrouzo (O Pino) - Monte do Gozo.

•    Sábado, 16 de outubro: Monte do Gozo – Santiago de Compostela. Esta será a última e máis importante etapa prevista no Camiño e que rematará onde está previsto que se asine o Pacto Galego contra a Pobreza.

ACTIVIDADES
En cada unha das localidades onde está previsto que pare o grupo , levaranse a cabo actividades de difusión e divulgación entre as 11:00 e as 13:00 horas. As 13:00 horas, unha vez rematas as actividades previstas, o grupo comezará a camiñar cara a seguinte localidade prevista no camiño.

En cada concello está previsto que o alcalde ou a alcaldesa lea o manifesto da campaña xunto ao equipo de goberno e se faga a difusión do contido do pacto. Tamén organizaranse actividades divulgativos arredor dos oito Obxectivos do Milenio, traballarase cos centros educativos e recolleranse firmas a favor do 0,7 % dos orzamentos para Axuda Oficial ao Desenvolvemento.

Axuntamos un documento no que están detallados por localidade os horarios e actividades previstas.

DIFUSIÓN
É fundamental que entre todos e todas fagamos chegar esta información a todos os nosos contactos! Para máis información entra no noso blog (http://caminhopolopacto.wordpress.com) e visita e faite amigo/a do noso Facebook (Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza).

PORQUE PODEMOS SEGUIR A FALAR DE POBREZA, OU ERRADICALA!

 

proxecto fiare galiza