Comunicado da Cooperativa ARBORE en apoio aos activistas inxustamente detidos

Consumo Consciente Árbore, S.C.G comunica o seu apoio aos activistas inxustamente detidos e criminalizados por defender aos animais.
 
Na mañá do 22 de Xuño do 2011, as forzas da orde e seguridade do Estado entraron nas casas de 12 activistas do Estado español, nas rexións de Madrid, Asturias, Euskadi e Galicia. Doce activistas que colaboran ou colaboraron nas organizacións en defensa dos animais, fundación Equanimal e a asociación Igualdade Animal. Tras varios días nos calabozos da Garda Civil e tras as declaracións ante o xuíz, tres deles permanecen en prisión preventiva mentres o resto atópase en liberdade condicional con cargos.
 
A pesar de que as accións que fixeron estes activistas sempre foron pacíficas, axentes da Garda Civil fixeron un despregamento propio dunha operación antiterrorista, cortando as rúas lindeiras aos domicilios dos activistas, entrando fortemente armados e con pasamontañas nos domicilios particulares dalgúns destes e mesmo entrando nas casas das nais de dúas das activistas. Todo iso para realizar un rexistro no que requisaron decenas de computadores, discos duros, cámaras e diverso material que utilizan para o seu traballo diario.
 
Tras o rexistro foron detidos e levados en furgóns policiais a Santiago de Compostela, Pontevedra e A Coruña, onde pasaron tres días incomunicados nos calabozos das devanditas cidades e en folga de fame como protesta polas detencións.
 
Aos activistas impútanselles varios delitos, entre eles os relacionados coas soltas masivas de visóns. Accións coas que os imputados e as imputadas non teñen ningunha relación.
 
Tamén son acusados de asociación ilicita, a pesar de que Igualdade Animal e Equanimal son dúas organizacións legalmente constituídas, cuxo traballo se basea en dar a coñecer á sociedade a horrible situación que padecen os animais en diversos ámbitos, sempre mostrando quen son e porqué fano. Accións ás que mesmo convidaron a xornalistas que lles acompañaron e que posteriormente obtiveron unha ampla repercusión nos medios de comunicación, tanto a nivel nacional e internacional. A pesar diso, o xuíz estimou que tres dos activistas debían ingresar en prisión preventiva, mentres que os nove restantes quedaron en liberdade con cargos á espera do xuízo.
 
Os medios de comunicación, á súa vez, de forma case xeneralizada, e a pesar de non ter ningunha proba, vulneraron os dereitos dos acusados e acusadas ignorando a presunción de inocencia, tachándolles de "ecoterroristas" e violentos e mesmo afirmando que estas organizacións ensinaban a fabricar explosivos desde as súas páxinas webs. Algo absolutamente falso e indignante.
 
Estas detencións son unha clara mostra do proceso de represión e criminalización baixo o que se atopa o Movemento de Dereitos Animais. Un proceso que nos incumbe a todas e a todos por igual, xa que é unha mostra do que pode ocorrer cando o traballo de calquera persoa ou organización prexudica os intereses de fortes e influentes negocios, como sucede no caso da industria peleteira.
 
Por todo o exposto, esiximos que o tres activistas en prisión preventiva sexan postos en inmediata liberdade así como o cesamento deste proceso inxusto polo que se trata de reprimir ao Movemento de Dereitos Animais.

 

proxecto fiare galiza