O kiwi

kiwi na planta

A planta do kiwi é orixinaria de Asia, onde crece de forma espontánea. De alí pasou a Nova Zelandia onde ainda hoxe se cultiva de forma moi intensa. Nesta terra atribúeselle o nome que ten, denominación do animal máis típico de Nova Zelandia, cicais porque lembra á peluxe que envolve a súa pel. O kiwi é un froito con forma de ovo, duns 8 centímetros de longo por 6 centímetros de ancho, de cor marrón-verdoso. A súa carne é verde e no centro este ton aclárase; ademais contén pequenas e numerosas sementes de cor negra. O seu sabor exótico e delicioso lémbranos ao dunha combinación algo aceda de sandía cun pouco de fresa.
Este froito madura no inverno polo que a súa tempada comeza en outubro e continúa presente até ben avanzado o mes de abril.


Calorías

O seu escaso achegue calórico fai que poidamos aproveitar a súa riqueza en vitaminas, minerais e fibras sen que apenas aumente o consumo de calorías.


Vitaminas

O kiwi posúe o dobre de vitamina E que o aguacate, que até hai pouco era considerada como a froita reina nesta vitamina. Contén tamén vitamina C, o dobre que a laranxa, polo que un kiwi cobre con fartura as nosas necesidades diarias.  

Propiedades

Polo seu alto contido en potasio, cromo e acedo fólico e a súa riqueza en fibra fai que o seu consumo sexa beneficioso para mellorar o proceso dixestivo.
Dado o seu alto contido en vitamina C, é moi recomendable para persoas convalecentes e baixas en defensas. Tamén como xa indicamos, as persoas que desexen adelgazar teñen no kiwi o seu alimento ideal, cun mínimo de calorías e hidratos de carbono, pero cun gran achegue de vitaminas e minerais.


Consellos

Podes consumilo cru ou en macedonias pois combina moi ben con froitas como a laranxa, plátano e a piña. Así mesmo, pode tomarse en forma de zume pasándoo pola licuadora ou incorporalo en ensaladas e cócteles con aguacates e leituga, e en guisos de carne. Tamén se utiliza en repostaría para preparar tortas e pasteis.