AS COOPERATIVAS DE CONSUMO : UNHA FORMA DE ECONOMíA
1. A Economía Social
2. ¿Que é unha cooperativa ?
3. As orixes
4. A cooperativa de consumo.
-------------------------------------------------------------------------------
1. A Economía Social
Economía baseada na solidariedade creando riqueza colectiva e apoio mutuo.
A ferramenta mais xenuína é a cooperativa, pois ante procesos económicos, mellora a asociación, é mais democrática que as fundacións, e máis social na repartición de excedentes que as sociedades laborais.
2. ¿Que é unha cooperativa ?
A cooperativa é unha empresa de propiedade conxunta de todos/as os/as socios/as, con capital variábel que, através do exercicio de actividades socioeconómicas, obtén uns excedentes que lle permiten afrontar a súa supervivencia a longo prazo.
A súa finalidade consiste en prestar servizos e satisfacer necesidades e aspiracións dos/as seus/suas socios/as, mediante a súa participación activa e en interese pola comunidade. Contan cunha estrutura e xestión democráticas, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, distribuíndose os resultados económicos en función da actividade cooperativizada realizada.. As cooperativas teñen que axustarse no seu funcionamento aos principios formulados pola Alianza Cooperativa Internacional (ACI).
Principios ACI
I. Adhesión voluntaria e aberta
As cooperativas son organizacións voluntarias, abertas a todas as persoas capaces de utilizar os seus servizos e dispostas a aceptar as responsabilidades de ser socio/a, sen discriminación social, política, relixiosa, racial ou de sexo.
As cooperativas son organizacións xestionadas democraticamente polos/as socios/as, que participan activamente na fixación das súas políticas e na toma de decisións. Os homes e mulleres elixidas para representaren e xestionaren as cooperativas son responsábeis ante os/as demais socios/as. As cooperativas están organizadas de xeito democrático.
II. Participación económica dos/as socios/as
Os/As socios/as contribúen equitativamente ao capital das súas cooperativas e xestionano de xeito democrático. Poden recibir unha compensación limitada sobre o capital entregado ( xuros).
Os/As socios/as destinan os excedentes para todos ou algún dos seguintes fins:
1.- Desenvolvemento da cooperativa
2.-Ao beneficio dos/as socios/as en proporción ás súas operacións coa cooperativa
III. Autonomía e independencia
As cooperativas son organizacións autónomas . Se asinan acordos con outras organizacións, incluídos os gobernos, ou se acadan capital de fontes externas, fano en termos que seguren o control democrático por parte dos/as seus/suas socios/as e manteñan a súa autonomía cooperativa.
IV. Educación, formación e información
As cooperativas proporcionan educación e formación aos/ás socios/as, aos/ás representantes elixidos/as, aos/ás directivos/as e aos/ás empregados/as para que poidan contribuír de xeito eficaz ao desenvolvemento das súas cooperativas.
V. Intercooperación
As cooperativas melloran traballando conxuntamente mediante estruturas locais, nacionais, rexionais e internacionais.
VI. Interese pola comunidade
As cooperativas traballan para acadar o desenvolvemento sustentábel das súas comunidades.
3. As orixes
O movemento cooperativo nace en 1844, cos pioneiros de Rochdale, como reacción colectiva fronte á exclusión e ás barreiras de entrada ao consumo e ao traballo que formulaba o mercado e a sociedade da época.
Foi unha reacción colectiva, sistemática e ordenada para crear actividades de xeración de riqueza, que supliran a pobreza e a exclusión, e que favoreceran ao colectivo, abarcando devagar os diversos campos e necesidades: consumo, vivendas, produción (agrícola, artesanal, industrial)...
4. A cooperativa de consumo
A cooperativa de consumidores/as é unha sociedade de persoas que se agrupan co obxectivo de realizar actividades empresariais para obter bens e servizos para os/as socios/as e o seu contorno. Por medio da cooperativa, os/as consumidores/as e usuarios/as fan fronte ás suas necesidades, buscando mellores condicións de calidade e prezo, con transparencia informativa e económica da xestión.
Cómpre contar inicialmente cun grupo de persoas interesadas en obter produtos e servizos para elas propias, en mellores condicións de información, calidade e prezo. A iniciativa pode partir dun ou varios colectivos de persoas ou dunha entidade con base social ampla.
O primeiro paso é poñerse de acordo no obxecto social da futura cooperativa. Nós recomendamos analisar o obxecto social doutras cooperativas de consumo responsábel existentes e sobre esa información estabelecer o obxecto social desexábel para os/as promotores/as da nova cooperativa.
Obxecto social a debater polos/as participantes
As actividades económicas que, para o cumprimento dos seus fins, realizará a cooperativa son:
Procura de bens e servizos para o consumo dos/as seus/suas socios/as e dos/as familiares que con eles/as convivan, producindo os bens e servizos que proporcionen ou adquiridos de terceiros/as.
A defensa e promoción dos dereitos dos/as consumidores/as
Para a adquisición destes bens atenderase aos seguintes criterios :
Proximidade entre o lugar de produción e o de consumo.
Ás condicións de traballo e ao respecto polos dereitos dos/as traballadores/as das persoas físicas e xurídicas que actuen como provedoras.
A captación de recursos para o desenvolvemento de proxectos de información e formación á sociedade, relacionados co desenvolvemento sustentábel.
Desenvolvemento de proxectos culturais, e de formación ou educativos.
A defensa e promoción dos dereitos dos/as consumidores/as e usuarios/as
O mesmo procedemento seguimos para estabelecer os fins da futura cooperativa de consumo O primeiro paso é pórse de acordo neste tema. Con carácter previo, analisamos os fins doutras cooperativas de consumo responsábel existentes, e sobre esa información debater para estabelecer os fins desexábeis para os/as promotores/as da nova cooperativa
Por exemplo, nas reunións analisamos os fins da Xoaniña S. Coop. Galega e de Arbore S. Coop. Galega e sobre iso debatemos entre os/as futuros/as promotores/as para coñecer as diferentes espectativas de partida.
Fins a debater polos/as participantes
A Cooperativa procurará que os produtos que subministra cumpran cunhas normas rigorosas de respecto ao ambiente e aos ecosistemas para seren calificados como produtos ecolóxicos. Especialmente, os alimentos e os produtos para a saúde axustaranse aos criterios da agricultura ecolóxica.
A Cooperativa fomentará entre os/as socios/as e os/as non socios/as, novos hábitos de consumo baseados nunha actitude responsábel e sensíbel aos problemas ecolóxicos da actual civilización.
A cooperativa prestará especial atención á difusión, entre os/as seus/suas socios/as, dos produtos comercializados polas entidades de comercio xusto e solidario co Terceiro Mundo.
Outros puntos importantes a tratar
Estabelecer que tipo de produtos e servizos serán ofertados.
Se apenas imos servir a socios/as ou poderán ser adquiridos por terceiras persoas
Aclarar aos/ás futuros/as socios/as, de forma aproximada, a cuantia a achegar e deixar claro que a cantidade definitiva estabelecerase unha vez feito o plano de viabilidade.
Estabelecer se, para alén da achega inicial, estabeleceranse cotas periódicas así como outras ferramentas financeiras que poidan empregarse na futura cooperativa.
Convén estabelecer de forma clara a todos/as os/as consumidores/as e traballadores/as socios/as, que a cooperativa de consumidores/as é unha empresa de propiedade e control común, e que nela pódense abastecer dos produtos e servizos que precisan (os/as consumidores/as) e, xuntamente cos/as socios/as traballadores/as, teñen a responsabilidade de xestiona-la con eficiencia para minimizar os custos, garantindo un emprego fixo de calidade, e obter os produtos e servizos coa mellor relación de calidade/ prezo posíbel.
Nas cooperativas de consumidores/as compártense os criterios esenciais do movemento cooperativo, a saber, o control democrático, interese pola comunidade e todos os principios estabelecidos pola ACI e descritos anteriormente.