Entrevista de Árbore a labrega ecolóxica Agatha Broeskamp

Productos de agricultura ecolóxica

Agatha Boreskamp é pioneira na Agricultura Ecolóxica na Galiza. Leva moitos anos de loita en diferentes ámbitos relacionados ca agroecoloxía e en contra dos transxénicos. Loitou moito pola democratización do Consello Regulador de Agricultura ecolóxica de Galicia (CRAEGA). É membra fundadora de APEGA, Asociación de Productores Ecolóxicos de Galiza e é socia fundadora da nosa cooperativa de consumo Árbore, dende o ano 2001.

1.¿En qué ano comezastes a cultivar en ecolóxico?¿Qué vos motivou a facelo?

Desde o 1 de xaneiro de 1997 cumprimos todas as normas da agricultura ecolóxica (AE). Pero a idea estaba de lonxe nas nosas cabezas. Cando viñemos en 1985 coa idea de crear o noso propio posto de traballo pensabamos facelo en AE. Nos anos anteriores practicabamos en fincas ecolóxicas en Alemania. Pero non era suficiente para manter a idea nun entorno de asesoramento cen por cen convencional.
Pero a idea seguía na cabeza. Cremos que esta forma de cultivar e moito máis (bio-)lóxico, porque protexe a saúde, o medio ambiente e a economía, tanto a de quen cultiva como a da sociedade. Está en consonancia coas leis da natureza.

2.¿Que evolución tedes notado na terra e nos cultivos a partir de ter mudado á agricultura ecolóxica?

A terra é cada vez mais negra, máis fértil coa consecuencia que as plantas son cada vez mais sans, mais equilibradas. Nós cumprimos moito máis que as normas do CRAEGA, p.e. non usamos insecticidas biolóxicos. O noso reto é producir alimentos que teñan unha alta vitalidade e un gran equilibrio, que non aparezan pragas e/ou enfermidades. As pragas aparecen nas plantas  cando estas teñen un desequilibro nutricional, normalmente entre nitróxeno e outros nutrientes. As plantas mostren as súas deficiencias. P. e. si non caen os petalos dos flores nos cultivos de froita (tomate, xudía, ervella, cabaciño, etc), les falta calcio. Ao non aportalo aparece o fungo botritis. Axúdanos moito as plantas medicinais. Cando hai un crecemento excesivo e conveniente sulfatar con ortigas. O seu alto contido de ferro favorece ao metabolismo.
En canto a animais, só temos galiñas, que teñen varias funcións:, equilibran a poboación de vermes, aportan abono e dan ovos.

3.Nos anos que levades, ¿cal ten sido a evolución tanto en producción como na comercialización en ecolóxico a nivel galego? ¿Cales son as principais dificultades a nivel de comercialización?

O primeiro ano foi fatal. Plantas atacadas e/ou eliminadas por pragas, froitas pequenas, mercado cero para un producto que non tenia o aspecto ou tamaño “normal". Despois do terceiro ano conseguimos os mesmos ingresos que no mellor ano en convencional. Por motivos persoais estamos reducindo o ritmo. A principal dificultade é que os ingresos non cubren custes se queres ter un salario mínimo. Nin no ecolóxico, nin no convencional. Todo depende das subvencións.
O ano pasado foi o primeiro que dan subvencións ós gastos específicos para inscricións, renovacións e volantes do CRAEGA, polo tanto xa non hai desculpas para os que non se queren inscribir. En canto á función de control das terras e dos productos por parte do CRAEGA, temos que dicir que a nosa experiencia é que si funciona. En comercialización vexo poucas posibilidades de cooperación entre agricultores por mor das grandes distancias que temos entre os agricultores ecolóxicos e polos poucos que somos. É moi difícil de coordinar a venda, pero estamos a comezar con reunións no Norte e no Sur da Galiza. É complicado porque hai pouco volume e os importes conxuntos son baixos. Para nos o poder sobre a comercialización  debe estar na man dos productores.
A nivel galego, preténdese polo CRAEGA que hai un aumento en porcentaxe, pero os números absolutos son pobres.

4.¿Como valorades o papel das cooperativas de consumidores -nomeadamente Árbore- na expansión da agricultura ecolóxica en Galiza?

Ben, aínda que fan falla máis. Os productores tamén temos que organizarnos, para ofrecer mais cantidades e variedade, pero para consumir un producto que é máis caro hai que ter certa conciencia, e esta é unha labor que fan moi ben as cooperativas de consumidores ademais de abaratar o producto a través de circuítos de comercialización curtos. É certo que en ocasións fai falla a función dun intermediario entre a producción e a venda ó publico. Opinamos que a mellor opción sería que este función de intermediario fose cumprido por unha asociación ou cooperativa dos productores.

5.Na vosa opinión, ¿é posible que a agricultura ecolóxica se vexa ameazada polo cultivo de plantas modificadas xeneticamente?

Si. Xa é un feito. En Navarra diminuíu o cultivo ecolóxico de millo, tanto  por contaminación real como polo alto risco da contaminación. Teño medo, e con razón. Porque as multinacionais non paran, nin con permiso, nin ilegalmente. Xa no ano 1997 plantaron ilegalmente en Tomiño (Baixo Miño) tomate transxénico. “Son carnosos, suaves, sabrosos, de color rojo atractivo y están genéticamente tratados con hormonas animales vivas, para gustar más al consumidor” (Faro de Vigo 13 de febreiro 1997).

6.¿Credes que as grandes superficies faranse co poder neste sector en canto o nivel de vendas sexa interesante para elas?¿Que se pode facer ó respecto?

Teño un dilema, porque por un lado sei que van facer así. Estas corporacións que só queren gañar cartos van a aproveitar toda a conciencia creada cun enorme esforzo dos pioneiros e facer dano ás tendas pequenas. Por outro lado penso que a agricultura debe ser 100% ecolóxica. Sen eles tampouco podemos conseguir o obxectivo de que a agricultura convencional deixe paso por completo á ecolóxica. Faría falla unha gran concienciación para que o producto sexa local, de tempada e de economía social.

7.¿Algunha recomendación final?

Todo o mundo que ten temor ó cambio climático, ten que cambiar a ecolóxico, porque se a agricultura fose 100 % eco, aforraríamos o 25%  das emisións.

 

Agatha Broeskamp na súa horta de Pexegueiro
 

Agatha Broeskamp na súa horta ecolóxica en Pexegueiro (Tui)

 

proxecto fiare galiza