Como moitas de vos saberedes, o pasado 25 de Setembro foi detido un socio da nosa cooperativa, Miguel Quinteiro. Destacado pola súa colaboración desinteresada en Árbore, en diferentes movementos sociais e especialmente no desenrolo das finanzas éticas.
Ao igual que o resto de persoas detidas, Miguel foi posto en liberdade con cargos o pasado día 28 de Setembro.
Mostramos a continuación o comunicado de Coop57 Galicia no que a nosa cooperativa se sinte plenamente representada:
COMUNICADO DE COOP57 GALICIA POLA DETENCION DE MIGUEL QUINTEIRO
Onde imos ?
Miguel Quinteiro, é unha das persoas detidas o pasado martes, 25 de Setembro, na concentración convocada polo movemento 25-S en Madrid. No momento da detención estaba xunto con outras persoas realizando unha sentada.
Miguel ten 72 anos e é un home pacífico, solidario e cabal. Socio traballador da cooperativa Intergal e socio da cooperativa de consumo responsable Arbore, ademais dun destacado promotor da banca ética en Galiza e dos proxectos de Coop57 e Fiare. Pertence tamén á rede de economía solidaria REAS en Galiza. Todas as persoas que o coñecemos sabemos que sempre que ten ocasión critica aos especuladores bancarios e aposta por unha banca ética e a refundación dunhas caixas de aforros que capten aforro local para financiar o emprendemento local.
É o paradoxo que nos toca vivir, estarmos criando co beneficio duns poucos e a complicidade de moitos un sistema socioeconómico e político, no que se permite deter a cooperativistas pacíficos e honestos como Miguel e deixar en liberdade aos grandes defraudadores financeiros.
Desde Coop57 Galicia queremos manifestar o noso total rexeitamento e indignación coa intervención policial perante a concentración, o noso total apoio e solidariedade con Miguel e as demais persoas detidas por exerceren o seu dereito a manifestar a súa desconformidade co estado das cousas, e esixir a súa liberdade sen cargos.
Galiza, 27 de Setembro de 2012
Abriouse unha conta de apoio para sufragar os gastos legais da súa defensa, podedes consultala na cooperativa e tamén será enviada ás socias no boletín de Outubro.
Entrevista a Miguel Quinteiro despois de ser posto en liberdade: praza pública