Amigos da Terra envianos esta boa noticia:
A multinacional química alemá BASF anunciou onte a súa decisión de abandonar o mercado europeo de sementes transxénicas, recoñecendo a “falta de aceptación en moitos lugares de Europa por parte da maioría de consumidores, agricultores e políticos” [1].
Isto supón a retirada da pataca transxénica Amflora aprobada fai tan só dous anos, da que se cultivaron apenas unhas decenas de hectáreas e que, tras múltiples escándalos de contaminación, supuxo outro gran fracaso para a industria dos transxénicos [2].
A decisión de BASF prodúcese logo de intensos anos de lobby por parte desta multinacional para introducir os seus cultivos transxénicos en Europa. A pataca transxénica Amflora foi o primeiro cultivo aprobado na Unión Europea tras 12 anos, e supuxo unha das primeiras e polémicas apostas do Comisario de Saúde e Consumo John Dalli.
“A decisión de BASF é un aviso para empresas como Monsanto, Syngenta ou Bayer, que seguen presionando para introducir cultivos transxénicos en Europa. O exemplo de BASF demostra que forzar a vontade dos consumidores e da gran maioría de agricultores, nin sequera é rendible economicamente” afirmou David Sánchez, responsable de agricultura e alimentación de Amigos de la Tierra.
As tácticas da industria dos transxénicos para a introdución dos seus produtos en Europa están cada vez máis ao descuberto, con protestas formais de Gobernos Rexionais como o de Azores pola inxerencia da Embaixada Estadounidense pola recente prohibición destes cultivos [3]. Ou as presións da industria e a Embaixada de EEUU en España que revelaron os cables de Wikileaks, e que confirmaron porqué España é o único país da UE que cultiva transxénicos a gran escala [4]
“Animamos ao resto da industria dos transxénicos a seguir o exemplo de BASF e recoñecer que o futuro da agricultura e alimentación en Europa e no resto do mundo, pasa por un modelo social e sostible, no que cada vez está máis claro que as sementes modificadas xeneticamente non xogarán ningún papel” engadiu Sánchez.