Nota de prensa, 22 de febreiro de 2012
NON QUEREMOS QUE SIMPLEMENTE SEXA UNHA DECLARACIÓN FORMAL. PEDIREMOS A SÚA APLICACIÓN EFECTIVA
O pleno do Concello de Ponteareas aproba a moción de Adenco e declárase Zona Libre de Transxénicos
O Grupo Ecoloxista ADENCO quere facer pública a súa satisfacción pola aprobación por unanimidade, no pleno do martes 21 de febreiro, da moción que no seu día presentara no rexistro do concello para declarar a Ponteareas como Zona Libre de Transxénicos.
A proposta, ademais de enviala ao goberno local, na persoa do alcalde, foi remitida a todos os grupos da oposición e tomada como propia, tal e como lle indicamos ás formacións políticas, polo PSOE de Ponteareas. No pleno, o portavoz municipal socialista leu integramente a moción que se presentara para, despois dos posicionamentos favorables dos demais grupos políticos, proceder á votación, co resultado unánime coñecido.
Agora ben, o Grupo Ecoloxista ADENCO non quere que esta sexa unha mera declaración formal e pedirá que se aplique e controle o que se vén de aprobar en todos os eidos municipais no que o concello poida intervir. Así, o control dos comedores infantís dos centros de ensino, o control da alimentación do centro da terceira idade ou o control dos produtos que se consuman en actos oficiais poden ser bos lugares onde intentar que os produtos consumidos non sexan organismos modificados xeneticamente.
ADENCO cumpre 22 anos
Esta iniciativa, que agora se intentará levar a cabo noutros concellos da comarca do Condado, é unha mostra do compromiso que o Grupo Ecoloxista Adenco mantén coa defensa do ambiente e a busca dunha sociedade mellor, desde a constitución da asociación o 23 de febreiro de 1990. Vimos de cumprir 22 anos, mais estamos convencidos de que, por desgracia, a necesidade dos colectivos ambientalistas aínda é necesaria ante a falta de compromiso e vontade política dos nosos dirixentes para solucionar os diferentes problemas ambientais que sufrimos desde fai anos.
Agardando a maior difusión posible, recibe un saúdo.