Existen unha serie de principios a ter en conta á hora de seleccionar os produtos a distribuír dentro da cooperativa. Son os seguintes:
- Vexetarianismo: os produtos da cooperativa son vexetarianos, por ser estes máis saudables, máis respectuosos co medio ambiente e cos animais.
- Producción ecolóxica: enténdese como tales tanto os produtos que poidan ter a certificación oficial de agricultura ecolóxica como aqueles que non o teñan e exista unha relación de confianza coas produtoras. A cooperativa realizará análises se for preciso para comprobar a calidade dos produtos en canto á non utilización de ningún tipo de composto químico contrario ao que se entende por un cultivo de produción ecolóxica. Priorizaremos a calidade dos nosos produtos, entendendo como calidade a que establezcan as cooperativistas en consenso coas produtoras.
- Proximidade: fomenta a riqueza da economía local e minimiza a contaminación do transporte. Será preciso definir operativamente distancias en función do tipo de produto (se é básico/prioritario, se non se produce no territorio inmediato, etc.).
- Produtos de tempada: evitará o consumo de produtos frescos fora de tempada. Os produtos frescos son máis ricos e sans, non empobrecen a terra, favorecen a rotación de cultivos, incentivan un consumo máis próximo, etc.
- Embalaxe mínima: minimiza o consumo de enerxía e evita xerar unha grande cantidade de residuos contaminantes. Embalaxe mínima (reducir), embalaxe retornable (reutilizar) e embalaxe de material reciclado (reciclar).
- Relacións directas entre as persoas produtoras e consumidoras: favorece as relacións entre campo e cidade, minimiza custes para as consumidoras, posibilita uns prezos máis xustos para as produtoras, enriquece os coñecementos de ambos, etc.
- Ética empresarial: darase preferencia as empresas que destacan positivamente polo seu trato ás traballadoras, o seu funcionamento interno, o seu modo de relacionarse coas consumidoras, o fomento da integración, os seus obxectivos sociais, etc.
A análise conxunta de todos estes principios poderá ser determinante á hora de acudir a unha ou outra fonte de produción.
A intención da cooperativa é abarcar progresivamente un maior número de produtos. Os produtos básicos de alimentación serán os primeiros dos que dispoñamos. O produto fresco será a base do proxecto, pero outros alimentos como cereais, legumes secas, pastas, conservas, etc tamén se atopan na cooperativa. Segundo a necesidades das socias, pouco a pouco incrementaráse o número de produtos dispoñibles, sempre pensando nun consumo consciente, especialmente naqueles produtos “non básicos”.
O consumo de produtos que non dispoña a cooperativa tamén será analizado, podendo proporcionar información que facilite o consumo consciente deles por parte das socias.