Sementes secuestradas - Esther Vivas

Quen ouviu falar algunha vez do tomate lámpada, a berenxena branca ou a leituga lingua de boi? Difícil. Trátase de variedades locais e tradicionais que quedaron á marxe das canles habituais de produción, distribución e consumo de alimentos. Variedades en perigo de extinción.
A nosa alimentación actual depende dunhas poucas variedades agrícolas e gandeiras. Tan só cinco variedades de arroz proporcionan o 95% das colleitas nos maiores países produtores e o 96% das vacas de ordeño no Estado español pertencen a unha soa raza, a frisoa-holstein, a máis común a nivel mundial en produción leiteira. Segundo datos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), un 75% das variedades agrícolas desapareceron ao longo do último século.

Pero esta perda de agrodiversidade non só ten consecuencias ecolóxicas e culturais, senón que implica, tamén, a desaparición de sabores, principios nutritivos e coñecementos gastronómicos, e ameaza a nosa seguridade alimentaria ao depender duns poucos cultivos e gando. Ao longo dos séculos, o saber campesiño foi mellorando as variedades, adaptándoas ás diversas condicións agroecológicas a partir de prácticas tradicionais, como a selección de sementes e os cruzamentos para desenvolver cultivos.

As variedades actuais, en cambio, dependen do uso intensivo de produtos agrotóxicos, pesticidas e fertilizantes químicos, cun forte impacto ambiental e que son máis vulnerabeis as secas, enfermidades e pragas. A industria mellorou as sementes para adaptalas aos intereses dun mercado globalizado, deixando en segundo lugar as nosas necesidades alimenticias e nutritivas con variedades saturadas de químicos e tóxicos, como recolle o documental "Notre poison quotidien" de Marie-Monique Robin, estreado recentemente en Francia.
Até fai cen anos, miles de variedades de millo, arroz, cabaza, tomate, pataca, abundaban en comunidades campesiñas. Ao longo de 12.000 anos de agricultura, manexáronse unhas 7.000 especies de plantas e varios miles de animais para a alimentación, pero hoxe, segundo datos do Convenio sobre Diversidade Biolóxica, só quince variedades de cultivos e oito de animais representan o 90% da nosa alimentación.

A agricultura industrial e intensiva, a partir da Revolución Verde, nos anos sesenta, apostou por uns poucos cultivos comerciais, variedades uniformes, cunha estreita base xenética e adaptadas ás necesidades do mercado (colleitas con maquinaria pesada, preservación artificial e transporte de longas distancias, uniformización no sabor e na aparencia). Unhas políticas que impuxeron sementes industriais co pretexto de aumentar a súa rendibilidade e produción, desacreditando as sementes campesiñas e privatizando o seu uso.
Deste xeito, e co paso do tempo, foronse emitindo patentes sobre unha gran diversidade de sementes, plantas, organismos xeneticamente modificados, animais, etc., erosionando o dereito campesiño a manter as súas propias sementes e ameazando medios de subsistencia e tradicións. Mediante estes sistemas, as empresas apropiáronse de organismos vivos e, a través da firma de contratos, o campesinado depende da compra anual de sementes, sen posibilidade de poder gardalas despois da colleita, plantalas e/ou vendelas a seguinte tempada. As sementes, que representaban un ben común, patrimonio da humanidade, foron privatizadas, patentadas e, en definitiva, "secuestradas".

A xeralización de variedades híbridas, que non poden ser reproducidas, e os transxénicos foron outros dos mecanismos utilizados para controlar a súa comercialización. Estas variedades contaminan as sementes tradicionais, condenándoas á súa extinción e impondo un modelo dependente da agroindustria. O mercado mundial de sementes está extremadamente monopolizado e só dez empresas controlan o 70% do mesmo.

Como sinala A Vía Campesiña, a maior rede internacional de organizacións campesiñas, "somos vítimas dunha guerra polo control das sementes. As nosas agriculturas están ameazadas por industrias que tentan controlar as nosas sementes por todos os medios posibles. O resultado desta guerra será determinante para o futuro da humanidade, porque das sementes dependemos todos e todas para nosa alimentación cotiá".
Do 14 ao 18 de marzo celebrouse, precisamente, a cuarta sesión do Tratado Internacional sobre os Recursos Fitoxenéticos para a Alimentación e a Agricultura, en Bali, un tratado fortemente criticado por movementos sociais como A Vía Campesiña, ao considerar que recoñece e lexitima a propiedade industrial sobre as sementes. A pesar de que o seu contido recoñece o dereito dos campesiños á venda, ao intercambio e a sementeira, o Tratado, segundo os seus detractores, non impón estes dereitos e claudica fronte aos intereses industriais.

Hoxe, máis que nunca, nun contexto de crise alimentaria, é necesario apostar por outro modelo de agricultura e alimentación que se base nos principios da soberanía alimentaria e a agroecoloxía, ao servizo das comunidades e en mans do campesinado local. Manter, recuperar e intercambiar as sementes campesiñas é un acto de desobediencia e responsabilidade, a favor da vida, a dignidade e a cultura.

Esther Vivas é autora de "Do campo ao prato. Os circuítos de produción e distribución de alimentos"

 

proxecto fiare galiza